Simone de Beauvoir e "O Segundo Sexo"

Simone de Beauvoir


Simone de Beauvoir naceu no seo dunha familia burguesa acomodada en París o 9 de Xaneiro de 1908 e morreu nesa mesma cidade o 14 de abril de 1986. Estudante avantaxada (en palabras do seu pai, "tiña a intelixencia dun home"), rematou a súa formación superior moi nova e independizouse axiña da súa familia. Foi escritora, filósofa e profesora, defensora dos dereitos humanos en xeral e, particularmente, dos da Muller. O seu pensamento enmárcase na corrente filosófica do Existencialismo.  

A súa obra "O segundo sexo", publicada en 1949 e traducida a máis de 17 idiomas, converteuse nun clásico e nun dos escritos de referencia para o Feminismo mundial. 




O SEGUNDO SEXO
Composto por dous tomos ("Os feitos e os mitos" e "A experiencia vivida") "O segundo sexo" xorde da vontade de reflexión que Beauvoir fai sobre a súa propia vida. Á pregunta de "que supuxo para min o feito de ser muller?" e recollendo a experiencia doutras mulleres que se plantexaban a súa propia existencia como "seres relativos" e non como individuos plenos, Simone de Beauvoir comezou a repensar en todas "as dificultades, as trampas e os obstáculos que a maioría das mulleres atopan no seu camiño" (VARELA, Nuria, Feminismo para principiantes, p. 83). Nun comezo, a propia Beauvoir non atopou ningún deses atrancos

"Nunca tivera sentimentos de inferioridade por ser muller. (...) A feminidade nunca fora unha carga para min"

Só tras dun árduo traballo de replantexamento da cuestión e de repensarse, Beauvoir deu comezo á redacción da que se considera a obra fito na historia do Feminismo e capital para o arranque da terceira ola do movemento, asemade de ser o estudio máis completo escrito ata agora sobre a condición da Muller. 

Partindo da teoría de que a muller sempre se considera a outra en relación ao home sen que necesariamente se dea unha reciprocidade na outra dirección ("o home nunca é o outro. Todo o contrario, o home é o centro do mundo, é a medida e a autoridade"VARELA, Nuria, Feminismo para principiantes, p. 84) e do feito de que esta categoría ten un carácter universal e está presente en todas as culturas, Beauvoir conclúe que a muller, para selo, ha de ter a ratificación do varón en todo momento (concepto de heterodesignación). Isto determina, para a filósofa, que non existe un feito ou principio biolóxico ou natural que explique a subordinación histórica das mulleres, primando na sociedade o feito de arriscar a vida (nas sociedades do Bronce e posteriormente) fronte ao de dar vida a través da concepción. 

Presentadas as conclusións do primeiro volume (Beauvoir fai un repaso interdisciplinar intensísimo e exhaustivo dende a perspectiva múltiple das ciencias naturais e humanas), no segundo tomo da obra recóllese o argumento xa defendido por Poulain de la Barre e Mary Wollstonecraft  que enuncia que 
"non hai nada biolóxico que xustifique a discriminación das mulleres e (...) unha cousa é o sexo - diferencias biolóxicas - e outra o que a cultura dicía que  tén que ser e como comportarse un home e unha muller" (VARELA, Nuria, Feminismo para principiantes, p. 86)
e que Simone de Beauvoir resumirá na súa maxistral cita "Non se nace muller, chégase a selo", ( o xénero é, logo, unha construcción social e non un feito biolóxico ou natural per se), pensamento sobre o cal se construirá en décadas posteriores a teoría de xénero (ver Judith Butler).

Nesta segunda parte, "A experiencia vivida", da conta de como viven as mulleres a súa alteridade dende a nenez ata a vida adulta e a vellez, do sentimento de vivir a partir do que outros fan delas, e reflexiona, xa no seu apartado final "Cara á liberdade", sobre as vías que poden axudar a lograr esa liberación total da muller como son a independencia económica (xa esbozada noutras pensadoras e escritoras anteriores, como Virginia Woolf no seu  "Un cuarto de seu"  ) e a loita colectiva, sumadas ao feito de ser educada para a súa propia autonomía. 





Non é de estrañar que "O segundo sexo" supuxera  (e aínda o fai) un antes e un despois. A súa lectura, intensa e moi esixinte, resulta reveladora e amósanos o camiño (non o único, por suposto) a seguir no noso autodescubrimento, na revelación do que significa realmente ser muller (ou chegar a selo), e do artellamento da sociedade na que vivimos e dos seus mecanismos máis intrincados. 


Pero... Non quededes no limiar: pasade. 
As páxinas do libro están abertas para vós todas. 









  





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Entrar na Casa...